2.12.09

SIIIIIIIIII......CONSEGUIMOS O PREMIO DE INNOVACIÓN



CASAS DE AQUÍ E DE ACOLÁ

A Consellería de Educación premia os mellores proxectos de innovación en normalización lingüística
•Á convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa presentáronse un total de 68 traballos, o que supón un aumento da participación do 340% respecto da media dos anos anteriores
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
•Debido ao número de proxectos e á súa calidade concedéronse sete premios e mais un total de catro accésits, de 3.000 e 1.000 euros cada un, respectivamente

 

• O fin destes premios é fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan a extensión do uso do galego

Os galardoados deste ano, un total de sete, foron o CEIP Aguiño, de Ribeira, por Mar de mulleres asolagadas; o CEIP A Gándara, de Carballo, co proxecto Mergullados nos mares da palabra; o CEIP A Pedra, de Bueu, polo traballo Galegos e galegas de aquí e acolá; o CEIP Bergantiños, de Carballo, que se presentaron con Casas de aquí e acolá; o CEIP Quintela, de Moaña, por En galego pola rede; o IES Menéndez Pidal, da Coruña, polo proxecto A aldea global: Galicia é máis Galicia cando é todos os mundos; e finalmente, o IES Sardiñeira, tamén da Coruña, premiado por LinguaTIC@s.
Debido á calidade e a cantidade de proxectos presentados este ano concedéronse un total de catro accésits, que foron para o IES Félix Muriel, de Rianxo, polo traballo Abrindo portas en galego; para o IES Perdouro, de Burela, que presentou o proxecto Dinamización Lingüística de Burela; para o IES Rodeira, de Cangas, que fixo Vivir en galego. Queremos. Podemos; e mais para o IES Porto do Son, de Porto do Son, polo traballo 2010. Vinte dez.Cada un dos sete premios contan cunha dotación económica de 3.000 euros, mentres que os accésits levan 1.000 euros cada un. O profesorado implicado na elaboración de todos os proxectos galardoados recibirá unha xornada de formación na que tamén poderá compartir as súas experiencias. Ademais, as experiencias dos proxectos premiados serán difundidas a través da rede e publicaranse os materiais educativos producidos no web de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, e no enderezo da Consellería de Educación, www.edu.xunta.es/portal.

Un aumento da participación do 340%
O número de proxectos presentados este ano foi de 68, o que supón un aumento da participación do 340% respecto da media dos anteriores cursos académicos, que era de 20 traballos. No que respecta ao nivel educativo, a participación é moito maior en centros de ensinanza infantil e primaria, dos que proceden 50 proxectos. Os 18 traballos restantes son de centros que imparten educación secundaria. Por provincias, en Pontevedra rexistrouse a maior participación, cun total de 32 proxectos, seguida da provincia da Coruña, con 24. Os proxectos procedentes da provincia de Lugo foron un total de 8, mentres que de Ourense presentaron 4 traballos.

Esta convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constitúe unha iniciativa que busca fomentar o uso do galego oral tanto dentro coma fóra das aulas, así como o achegamento á realidade sociocultural de Galicia a través de proxectos educativos innovadores. Ademais, estes premios teñen o valor engadido de promoveren a utilización das novas tecnoloxías e a implicación de entidades culturais, asociativas, empresariais, recreativas e deportivas.

NORABOA A TODOS OS PREMIADOS!!!!!

2 comentarios:

curuxa dijo...

Desde o CEIP Os Muíños queremos felicitar a todo o alumnado, e en especial ao profesorado do centro, que participa con tanta ilusión na dignificación da nosa lingua. Parabéns!

romanlandin dijo...

Parabéns dende o IES do Porto do Son