16.12.09

O APALPADOR. O MÍTICO PERSONAXE QUE VEN APALPAR AS BARRIGUIÑAS DOS NENOS E NENAS GALEGAS POLO NADAL


Nos últimos anos nas vilas de Galiza estase a recuperar o mítico personaxe do Apalpador, un personaxe que vivía nas altas montañas das serras orientais de Galiza e que nos días do inverno baixa ás aldeas e vilas dos vales para apalparlles abarriguiña ás meniñas e aos meniños por ver se comeran ben durante todo o ano, achegándolles castañas e agasallos feitos a man.

O Apalpador, de profesión carboeiro, mora nas devesas das montañas do Caurel e outras serras orientais da Galiza e caracterízase fisicamente por ser un xigante bonachón que viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e se alimenta con bagas salvaxes e os porcos bravos que caza no monte.

A historia é a seguinte:

A noite do 24 de decembro baixa da súa escura morada para visitar aos nenos e nenas galegas, e chega cando estes están xa durmidos. Apálpalles a barriga para ver se están fartos ou teñen fame ( de ahí o seu nome). Se o caso é o primeiro di: “ Así, así estéas todo o ano”, e deixalle unha presiña de castañas. Se pola contra, están famentos, fica calado e deixalle tamén unha man chea do froito do castiñeiro.

As veces coa emoción que produce nos cativos a chegada deste ser, non poden durmir, co que os máis vellos da casa cántanlle cantigas coma esta:

Vaite logo meu ninín/niniña
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande
día do noso Señor
xa chegou o día grande
e vai vir o Apalpador.
Mañá é día de cachela
e haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cega
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Hoxe os tempos mudaron, asi que ademais de castañas o apalpador pode traer algún xoguete. Máis a diferenta doutros personaxes como o Pai Noel, estes serán sempre de fabricación caseira ou reutilizados, creando nos máis pequenos a conciencia de que para pasalo ben non é preciso ter moitos agasallos novos.

Nestes tempos de Nadal consumista, o Apalpador recupera unha figura da nosa tradición relacionada co Pai Inverno e mesmo co propio Papá Noel, propia dos pobos preindoeuropeos e espallada por toda Europa, quizais relacionada cos ancestrais cultos á divindades do Inverno, protectores das colleitas e do gando, mais que por influencia do cristianismo foi desaparecendo paseniño.

Recuperar o Apalpador é un acto de reivindicación da memoria do noso país, das nosas tradicións; é un acto de defensa da nosa identidade. Recuperar o Apalpador, ademais, é un acto de reivindicación dun consumo solidario e responsable.

ENLACES:

PÁXINA WEB OFICIAL

http://www.apalpador.com/


MATERIAL PARA A RECUPERACIÓN DA FIGURA DO APALPADOR

http://galiza.indymedia.org/media/2009/12//21757.pdf

http://www.vieiros.com/vieiros-da-escola/index.php?id=8

CONTO DO APALPADOR

http://www.apalpador.com/apalpador.pdf


IMAXES

http://www.apalpador.com/parabaixar

LÁMINAS

http://www.apalpador.com/node/20

WEBQUEST 1º CICLO DE PRIMARIA

http://centros.edu.xunta.es/ceipfrian/phpwebquest/caza/soporte_tablon_c.php?id_actividad=15&id_pagina=1

VIDEO APALPADOR EN COMPOSTELA

http://www.youtube.com/watch?v=wqdsx5QbH40

No hay comentarios: